A selección española feminina de bádminton deixou pegada no campionato de Europa por equipos de Polonia, e neste éxito brillan con luz propia dous nomes galegos: Lucía Rodríguez, do Club Bádminton As Neves, e Nikol Carulla, do CB As Pontes. Ambas xogadores, formadas no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, destacaron nesta competición internacional, actualmente adestran en Madrid onde se dedican plenamente a perfeccionar o seu xogo. Tamén queremos mencionar a Ania Setién, que pasou hai uns anos por este mesmo centro.
Compartindo equipo con lendas como Carolina Marín, campioa olímpica e tricampioa do mundo, Lucía e Nikol demostraron un nivel excepcional na pista. Xuntos, derrotaron a equipos de renome como Escocia e Holanda, demostrando a súa habilidade e determinación en cada partido.
A culminación deste duro traballo reflectiuse na chegada á final ante Dinamarca, un partido de alta tensión onde as nosas representantes non se deixaron amedrentar en ningún momento. Aínda que non conseguiron o título, a súa valente actuación non pasou desapercibida.
Para o bádminton galego, este logro supón un fito sen precedentes, un exemplo tanxible do potencial que existe na nosa comarca. Este éxito lévanos a seguir traballando duramente, coa esperanza de que nun futuro máis xogadores galegos poidan acadar proezas coma esta.
Parabéns rapazas, e grazas por todas as alegrías que nos brindades. O bádminton galego está máis vivo e forte ca nunca! 🏸💪
Comments