Maia Freire (San Amaro) e Xulia Otero (As Neves), acompañadas do adestrador galego Rafael Vázquez, foron protagonistas na International Girls Cup Sub15, celebrada en Schiltigheim (Francia), onde o combinado español acadou unha valiosa cuarta posición. Esta competición exclusivamente feminina reuniu ás mellores xogadoras Sub15 de Europa, sendo unha excelente oportunidade para mostrar o talento galego e español.
O equipo, composto por Freire, Otero, Sara Arenas e Pilar Carmona, realizou unha gran fase de grupos. Comezaron cun contundente 4-0 fronte á República Checa e aseguraron o segundo posto tras vencer 3-1 a Suíza, onde as nosas lograban os seus puntos de individual e dobres. No último partido da fase, cederon 1-3 ante Francia A onde Maia conseguiría o punto da honra fronte a unha das seleccións potencia en Europa xunto con Dinamarca. Isto as levou a disputar o bronce contra Inglaterra. A pesar do esforzo, o combinado español non puido superar ás inglesas e quedou en cuarta posición tras perder 0-4 nun cruce moi esixente.
Tras esta actuación, Freire e Otero afrontaron o French International Borders 2025 con gran ilusión, demostrando tamén un bo nivel tanto en dobres como en individual. En dobres, caeron en dieciseisavos de final fronte a unha forte parella checa, pero ofrecendo unha boa actuación.
En individual, Xulia Otero avanzou á fase final tras superar a fase de grupos. En dieciseisavos logrou unha destacada vitoria contra María Popov, unha das mellores xogadoras de Francia. Nos oitavos de final, enfrontouse á que acabaría sendo a campioa do torneo. A pesar da derrota, Xulia xogou a un nivel moi alto, especialmente nos once primeiros puntos de cada set, demostrando o seu gran potencial.
Maia Freire, pola súa parte, non tivo tanta sorte na fase de grupos, onde se encontrou cunha rival de gran nivel. Aínda así, Maia plantou cara a número dous de Francia indo ao terceiro set e colleitou unha boa experiencia internacional que lle servirá para seguir medrando e mellorando.
Sen dúbida, esta competición deixou grandes sensacións e é unha mostra do enorme talento que atesoura a base do bádminton galego. A seguir adestrando duro! 💪🏸
Komentarze