O pavillón Carolina Marín de Huelva foi o escenario este fin de semana do comezo da liga de Primeira División Prata, onde os dous equipos galegos, o Club del Mar de San Amaro e o Escola Rosalía, tiveron un inicio de tempada espectacular que os coloca como líderes destacados na clasificación, ocupando o primeiro e segundo posto, respectivamente.
Os coruñeses do Club del Mar de San Amaro asinaron unha xornada case perfecta. O sábado acadaron dúas vitorias contundentes, superando ao CB Estella por 5-2 e ao CB Guadalajara cun claro 7-0. O domingo, pecharon a súa participación cunha emocionante vitoria por 4-3 ante o CB IES La Orden B, un dos equipos máis fortes da competición, nun duelo que se decidiu nos últimos partidos.
Pola súa banda, o Escola Rosalía, equipo vigués, fixo tamén un papel destacado, acadando tres grandes vitorias ante rivais de gran nivel. Na súa estrea, superaron ao Club Bádminton Mao nun igualado 4-3, demostrando a súa capacidade para competir en momentos de máxima tensión. A continuación, venceron ao Club Bádminton Palma cun contundente 6-1 e pecharon a xornada cun sólido 5-2 ante o Cura Mora. Estes resultados sitúan ao equipo vigués no segundo posto da táboa, consolidándose como unha das referencias da categoría.
Este excelente comezo por parte dos dous equipos galegos reflicte o gran traballo realizado nos últimos meses e a calidade que o bádminton galego segue mostrando a nivel nacional.
👏 Noraboa ao Club del Mar de San Amaro e ao Escola Rosalía por este inicio de liga tan prometedor. Seguiremos atentos ás próximas xornadas, confiando en que o bádminton galego seguirá dando moitas alegrías.
Comments